Mostrando entradas con la etiqueta teatro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta teatro. Mostrar todas las entradas

12/5/09

Comedia bífida

Autor: Manuel Núñez Singala
Editorial: Galaxia
Ano: 2008, 2ª edición
Colección: Costa Oeste
Idioma: galego
Localización: 82T-g/NÚÑ/com

Este é un xuízo á lingua..., ou ao emprego que dela facemos os galegos. Cómpre que esteades mortos para participardes nesta farsa do xuízo final. Se non o estades, quizais poidades asistir a este encontro con algunhas das situacións que a diario vivimos en relación co galego. Dispoñédevos a rir, sorrir e pensar. Porque algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin San Pedro.

Farsa plautina

Autor: Agustín Magán
Editorial: Sotelo Blanco
Ano: 1993
Colección: A Biblioteca do Arlequín
Idioma: galego
Localización: 82T-g/MAG/far

Unha bonita comedia que ten o seu alicerce en seis obras de Plauto, fundindo os asuntos orixinais das mesmas nesta nova comedia.
O seu argumento consiste nun matrimonio que recibe a chegada do seu fillo Filócrates, o cal vén namorado de Selenia, moza que quere facer pasar por escrava na súa casa. Pero esta historia complicarase con outras, onde un Filócrates II (irmán xemelgo do primeiro) aparece namorado de Báquide, cortesá que, á súa vez, tamén entrará de escrava, por razóns moi distintas, na mesma casa que Selenia. Podedes imaxinar que líos hai entre estas dúas parellas?
A trama aínda se complica máis con Melánide (alcoviteira que por cartos é capaz de vender a calquera), co guerreiro fanfarrón Pirgopolinices, con Gurgullo (o parásito gallofeiro que só pensa en comer de balde), con Xúpiter (o deus que entende galego)... En que vos parece que acabará tanta mestura?

12/1/08

La casa de Bernarda Alba

Autor: Federico García Lorca
Editorial: Espasa Calpe
Ano: 2007, 43ª edición
Colección: Austral Teatro
Idioma: castelán
Localización: 82T-c/GAR/cas

A obra sitúase nunha pequena aldea do sur de España durante os anos 30.

Tras a morte do segundo esposo de Dona Bernarda Alba, esta obriga ás súas cinco fillas a vivir clausuradas por 8 anos velando o loito do defunto. Durante esta época, as fillas non poderán facer outra cousa máis que coser e coser. Segundo Bernarda (a quen só lle importa a honra e a linaxe da súa familia), isto é o máis axeitado para as mulleres da súa clase.

Todas as fillas de Bernarda están namoradas de Pepe o Romano, un mozo ben parecido do pobo. Angustias, a filla maior e a máis fea de todas, está comprometida con Pepe o Romano, todo grazas á herdanza de diñeiro e terras que esta recibiu do seu pai (o primeiro marido de Bernarda). Adela, a máis nova da irmás é quen comeza a verse con Pepe o Romano, rompendo así coa autoridade da súa nai.

Os celos e os desexos reprimidos de todas as irmás terán terribles consecuencias que levarán a un final tráxico, o que quizais sexa a única solución á represión de Bernarda.

Historia de una escalera

Autor: Antonio Buero Vallejo
Editorial: Espasa Calpe
Ano: 2006, 51ª edición
Colección: Austral Teatro
Idioma: castelán
Localización: 82T-c/BUE/his

Historia de una escalera é unha obra teatral, dividida en tres actos, onde se analiza a sociedade española con todas as súas inxustizas, mentiras e violencias.

No acto primeiro preséntase aos personaxes, coas súas características e limitacións, poñendo de manifesto os evidentes problemas económicos da veciñanza, agás Don Manuel. Para terminar con este primeiro acto, Fernando expresa o seu amor a Carmina, facendo plans de futuro para ambos os dous.

O segundo acto transcorre tras 10 anos, nos que cambiaron moito as cousas no edificio da escaleira. Varias persoas xa faleceron e as parellas casaron (aínda que non cos seus antigos noivos), formando outras familias. Debido a estes novos emparellamentos o ambiente entre a xente empeorou. Sen embargo, Rosa e Pepe seguen de noivos, a pesar do mal que este trata a Rosa e de que o señor Juan non se fale coa súa filla polos rancores do pasado.

O terceiro acto continúa logo de 20 anos, nos que pasaron moitas cousas, ademais do lóxico envellecemento das persoas e do falecemento dalgunha delas. Aparecen novos veciños que se queixan dos antigos inquilinos, así como os donos do edificio, que os menosprezan pola súa categoría social. O edificio da escaleira tamén cambiou de aspecto, debido ás reformas realizadas. As parellas tiveron descendencia e agora repítese de novo a historia dos pais, xa que o fillo de Fernando ama á filla de Carmina, o cal ocasiona que saian outra vez á superficie os vellos rancores.