Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas

12/5/09

Comedia bífida

Autor: Manuel Núñez Singala
Editorial: Galaxia
Ano: 2008, 2ª edición
Colección: Costa Oeste
Idioma: galego
Localización: 82T-g/NÚÑ/com

Este é un xuízo á lingua..., ou ao emprego que dela facemos os galegos. Cómpre que esteades mortos para participardes nesta farsa do xuízo final. Se non o estades, quizais poidades asistir a este encontro con algunhas das situacións que a diario vivimos en relación co galego. Dispoñédevos a rir, sorrir e pensar. Porque algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin San Pedro.

29/4/09

Finis Mundi

Autora: Laura Gallego García
Editorial: SM
Ano: 2008, 23ª edición
Colección: El barco de vapor - Serie roja
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/GAL/fin

Francia, ano 997 da nosa era. Michel, un monxe cluniacense, decide embarcarse nunha misión imposible. Segundo as revelacións do eremita Bernardo de Turingia, o fin do mundo está próximo e só hai un xeito de salvar á humanidade: invocar ao Espírito do Tempo. Pero antes é preciso recuperar os tres eixos sobre os que se sustenta a Roda do Tempo. Onde se atopan? Ninguén o sabe.

A autora acadou con esta obra o Premio El Barco de Vapor 1998.

A esmorga

Autor: Eduardo Blanco Amor
Editorial: Galaxia
Ano: 2008, 3ª edición
Colección: Biblioteca Blanco Amor
Idioma: galego
Localización: 82N-g/BLA/esm

Innovadora e perturbadora, esta novela conta a itinerancia de tres personaxes marxinais (o Castizo, o Bocas e o Milhomes) polas rúas dunha Auria envolta na chuvia interminable. Vintecatro horas de narración veloz e inexorable, inzadas de tensión transgresora e absorbente. Unha viaxe á heterodoxia.

27/4/09

O bosque animado

Autor: Wenceslao Fernández Flórez
Ilustradora: Maife Quesada
Tradutora: Xela Arias
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Ano: 2003, 5ª edición
Colección: Xabarín
Idioma: galego
Localización: 82N-g/FER/bos

Trasladámonos ao corazón de Galicia, coa súa maxia, o seu humor e as súas xentes. Entrar neste bosque é pasear a través dun mundo poboado por fantásticos seres reais, no que atopar calquera ánima é algo do máis común. A bruma xa está a levantar. Sinte o frescor do orballo, aspira o recendo dos piñeiros... Hoxe pode ser un día estupendo para coñecer algún aparecido.

O autor galego escribe a historia da fraga de Cecebre cunha orixinal estrutura en estancias. Unha historia construída con dualismos: o humor e a amargura; o localismo realista e o soño poético; a cronoloxía lineal e a subxectividade temporal... Cun humor elevado ata o límite do absurdo e o lirismo fantástico, o autor reflicte con mestría a maxia da paisaxe e as xentes de Galicia. Como galego, capta esta característica mestura entre relixión, superstición e animismo e engádelle unha boa dose de tenrura. Unha linguaxe chega de musicalidade e cor, alimenta a maxia.

19/4/09

Ollos de auga

Autor: Domingo Villar
Editorial: Galaxia
Ano: 2008, 5ª edición
Colección: Literaria
Idioma: galego
Localización: 82N-g/VIL/oll

Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.