Mostrando entradas con la etiqueta humor. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta humor. Mostrar todas las entradas

12/5/09

Comedia bífida

Autor: Manuel Núñez Singala
Editorial: Galaxia
Ano: 2008, 2ª edición
Colección: Costa Oeste
Idioma: galego
Localización: 82T-g/NÚÑ/com

Este é un xuízo á lingua..., ou ao emprego que dela facemos os galegos. Cómpre que esteades mortos para participardes nesta farsa do xuízo final. Se non o estades, quizais poidades asistir a este encontro con algunhas das situacións que a diario vivimos en relación co galego. Dispoñédevos a rir, sorrir e pensar. Porque algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin San Pedro.

Farsa plautina

Autor: Agustín Magán
Editorial: Sotelo Blanco
Ano: 1993
Colección: A Biblioteca do Arlequín
Idioma: galego
Localización: 82T-g/MAG/far

Unha bonita comedia que ten o seu alicerce en seis obras de Plauto, fundindo os asuntos orixinais das mesmas nesta nova comedia.
O seu argumento consiste nun matrimonio que recibe a chegada do seu fillo Filócrates, o cal vén namorado de Selenia, moza que quere facer pasar por escrava na súa casa. Pero esta historia complicarase con outras, onde un Filócrates II (irmán xemelgo do primeiro) aparece namorado de Báquide, cortesá que, á súa vez, tamén entrará de escrava, por razóns moi distintas, na mesma casa que Selenia. Podedes imaxinar que líos hai entre estas dúas parellas?
A trama aínda se complica máis con Melánide (alcoviteira que por cartos é capaz de vender a calquera), co guerreiro fanfarrón Pirgopolinices, con Gurgullo (o parásito gallofeiro que só pensa en comer de balde), con Xúpiter (o deus que entende galego)... En que vos parece que acabará tanta mestura?

27/4/09

O bosque animado

Autor: Wenceslao Fernández Flórez
Ilustradora: Maife Quesada
Tradutora: Xela Arias
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Ano: 2003, 5ª edición
Colección: Xabarín
Idioma: galego
Localización: 82N-g/FER/bos

Trasladámonos ao corazón de Galicia, coa súa maxia, o seu humor e as súas xentes. Entrar neste bosque é pasear a través dun mundo poboado por fantásticos seres reais, no que atopar calquera ánima é algo do máis común. A bruma xa está a levantar. Sinte o frescor do orballo, aspira o recendo dos piñeiros... Hoxe pode ser un día estupendo para coñecer algún aparecido.

O autor galego escribe a historia da fraga de Cecebre cunha orixinal estrutura en estancias. Unha historia construída con dualismos: o humor e a amargura; o localismo realista e o soño poético; a cronoloxía lineal e a subxectividade temporal... Cun humor elevado ata o límite do absurdo e o lirismo fantástico, o autor reflicte con mestría a maxia da paisaxe e as xentes de Galicia. Como galego, capta esta característica mestura entre relixión, superstición e animismo e engádelle unha boa dose de tenrura. Unha linguaxe chega de musicalidade e cor, alimenta a maxia.

12/1/08

Cuentos de la selva

Autor: Horacio Quiroga
Ilustrador: Enrique Flores
Editorial: Anaya
Ano: 2007, 1ª edición, 7ª impresión
Colección: Tus libros selección
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/QUI/cue

A selva é o escenario e personaxe omnipresente destes contos. A selva tropical, coa súa violencia natural, fronte ao home, aliado ás veces, destrutor as máis, desa natureza salvaxe. E no medio, a fauna: dende a xigantesca serpe que declara a guerra ao home, ata o indefenso cachorro morto sen querer pola man do seu propio amo.

Este volume recolle os oito Contos da Selva propiamente ditos, titulados: La tortuga gigante, Las medidas de los flamencos, El loro pelado, La guerra de los yacarés, La gama ciega, Historia de dos cachorros de coatí y de dos cachorros de hombre, El paso de Yabeberí e La abeja haragana. Pero, ademais, ofrece unha selección doutros sete relatos de idéntica ambientación.


Humor e traxedia combínanse eficazmente nestas historias, dando como resultado exemplos antolóxicos desa difícil arte que é o conto, no que Quiroga se revelou como un auténtico mestre.

4/12/07

Calvina

Autor: Carlo Frabetti
Editorial: SM
Ano: 2007
Colección: El barco de vapor - Serie roja
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/FRA/cal

Este libro, Premio El Barco de Vapor 2007, narra a historia de Calvina, unha nena ou un neno (non se sabe moi ben cal é a súa identidade), que captura a un ladrón, Lucrecio, ao que obriga a facer o papel do seu pai. Ambos os dous visitarán o manicomio, a biblioteca, o obradoiro de encadernación, a xastraría, a libraría, a farmacia, etc., e coñecerán a divertidas personaxes literarias.

A obra aborda o tema da identidade persoal, formulando ao/á lector/a preguntas e paradoxas. Destaca o dominio do diálogo e a combinación de elementos de terror gótico e de suspense sobrenatural e policial, cun toque de humor do autor. En fin, unha fermosa viaxe a través da palabra, a lectura, a fantasía e a imaxinación.