Mostrando entradas con la etiqueta 1º ciclo ESO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 1º ciclo ESO. Mostrar todas las entradas

12/5/09

Farsa plautina

Autor: Agustín Magán
Editorial: Sotelo Blanco
Ano: 1993
Colección: A Biblioteca do Arlequín
Idioma: galego
Localización: 82T-g/MAG/far

Unha bonita comedia que ten o seu alicerce en seis obras de Plauto, fundindo os asuntos orixinais das mesmas nesta nova comedia.
O seu argumento consiste nun matrimonio que recibe a chegada do seu fillo Filócrates, o cal vén namorado de Selenia, moza que quere facer pasar por escrava na súa casa. Pero esta historia complicarase con outras, onde un Filócrates II (irmán xemelgo do primeiro) aparece namorado de Báquide, cortesá que, á súa vez, tamén entrará de escrava, por razóns moi distintas, na mesma casa que Selenia. Podedes imaxinar que líos hai entre estas dúas parellas?
A trama aínda se complica máis con Melánide (alcoviteira que por cartos é capaz de vender a calquera), co guerreiro fanfarrón Pirgopolinices, con Gurgullo (o parásito gallofeiro que só pensa en comer de balde), con Xúpiter (o deus que entende galego)... En que vos parece que acabará tanta mestura?

29/4/09

Finis Mundi

Autora: Laura Gallego García
Editorial: SM
Ano: 2008, 23ª edición
Colección: El barco de vapor - Serie roja
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/GAL/fin

Francia, ano 997 da nosa era. Michel, un monxe cluniacense, decide embarcarse nunha misión imposible. Segundo as revelacións do eremita Bernardo de Turingia, o fin do mundo está próximo e só hai un xeito de salvar á humanidade: invocar ao Espírito do Tempo. Pero antes é preciso recuperar os tres eixos sobre os que se sustenta a Roda do Tempo. Onde se atopan? Ninguén o sabe.

A autora acadou con esta obra o Premio El Barco de Vapor 1998.

27/4/09

O bosque animado

Autor: Wenceslao Fernández Flórez
Ilustradora: Maife Quesada
Tradutora: Xela Arias
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Ano: 2003, 5ª edición
Colección: Xabarín
Idioma: galego
Localización: 82N-g/FER/bos

Trasladámonos ao corazón de Galicia, coa súa maxia, o seu humor e as súas xentes. Entrar neste bosque é pasear a través dun mundo poboado por fantásticos seres reais, no que atopar calquera ánima é algo do máis común. A bruma xa está a levantar. Sinte o frescor do orballo, aspira o recendo dos piñeiros... Hoxe pode ser un día estupendo para coñecer algún aparecido.

O autor galego escribe a historia da fraga de Cecebre cunha orixinal estrutura en estancias. Unha historia construída con dualismos: o humor e a amargura; o localismo realista e o soño poético; a cronoloxía lineal e a subxectividade temporal... Cun humor elevado ata o límite do absurdo e o lirismo fantástico, o autor reflicte con mestría a maxia da paisaxe e as xentes de Galicia. Como galego, capta esta característica mestura entre relixión, superstición e animismo e engádelle unha boa dose de tenrura. Unha linguaxe chega de musicalidade e cor, alimenta a maxia.

De todo corazón: 111 poemas de amor

Seleccionador: José María Plaza
Ilustradora: Ágata Ruiz de la Prada
Editorial: SM
Ano: 2007, 18ª edición
Colección: El barco de vapor - Serie roja
Idioma: castelán
Localización: 82P-c/PLA/tod

De todo corazón é unha escolma de poemas de amor que está dividida en tres partes: a primeira abarca case todo o século XIX, co Romanticismo e o Modernismo como tendencias dominantes; a segunda esténdese dende os últimos anos do século XX ata a década de 1940; e a terceira comprende o último medio século.

O mesmo compilador revela a súa intención ao reunir estes 111 poemas de amor:
“Con este libro […] me gustaría que descubrieras autores con los que puedas sintonizar de una forma especial; que una vez conectado a la poesía, prosigas con obras más complejas, llenas de oscuros fuegos que no deslumbran de forma tan inmediata, pero cuyos rayos llegan más lejos y permanecen durante largo tiempo, a veces, toda una vida; que estos poemas —pretendo— te reconforten o iluminen, aunque sea un poco, en ese mundo confuso de los sentimientos, donde todos somos siempre aprendices; y, sobre todo, que te sean útiles”.

21/4/08

Los seis signos de la luz

Autora: Susan Cooper
Tradutora: Silvia Alemany Vilalta
Editorial: Destino
Ano: 2007, 1ª edición
Colección: La isla del tiempo
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/COO/sei

Achégase o Nadal e tamén o día do undécimo aniversario de Will. Como agasallo recibe unha noticia moi especial: é o último dos Ancestrais, persoas dotadas de poderes especiais que durante séculos loitaron para impedir que o Mal triunfase na Terra. El tamén ten ese poder, pero antes de se enfrontar ás Tebras terá que descubrir os seis signos da Luz, xa que só así creará unha forza capaz de contrarrestalas e vencelas.

12/1/08

Mi familia

Autor: Daniel Nesquens
Ilustradora: Elisa Arguilé
Editorial: Anaya
Ano: 2006, 1ª edición
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/NES/fam

Este libro semella unha galería de retratos de cada un dos membros dunha familia: pai, nai, irmá, irmán, avoa, avó, tíos e tías, curmás e curmáns.

Coñece a vida cotiá destes personaxes, coas súas debilidades, obsesións, intereses, pensamentos e situacións a miúdo surrealistas. Segundo palabras do autor: "Os Nesquens somos unha xente dos máis corrente, E se non o cren, xulguen vostedes mesmos".

Un retrato ilustrado acompaña a cada un dos personaxes.

8/12/07

Corazón de tinta

Autora e ilustradora: Cornelia Funke
Tradutora: Rosa Pilar Blanco
Editorial: Siruela
Ano: 2004
Colección: Las tres edades
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/FUN/cor

Meggie ama a lectura, paixón herdada do seu pai, Lengua de Brujo, un restauradaor de libros, capaz de traer á realidade ás personaxes da ficción. Unha noita de chuvia, ambos reciben a visita de Dedo Polvoriento, un saltimbanqui "comelume" que lles advirte dun gran perigo. A partir dese momento terán que loitar, axudados por persoas reais e por personaxes literarias, en contra do malvado Capricornio e dos seus homes.

A autora comeza cada capítulo do libro con citas de obras clásicas infantís e xuvenís, que sempre están relacionadas co que sucede, incluíndo en todo o texto mencións a personaxes literarias. Resaltar que Meggie, a protagonista, non é perfecta, sendo capaz de desexar a morte doutras persoas e non se arrepentir por iso.

Descubre con esta novela o amor aos libros que sinten os seus protagonistas e dinos se queres que adquiramos a segunda parte da historia, xa publicada e titulada "Sangre de tinta", que leva a Meggie ata o fogar de Dedo Polvoriento

4/12/07

Calvina

Autor: Carlo Frabetti
Editorial: SM
Ano: 2007
Colección: El barco de vapor - Serie roja
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/FRA/cal

Este libro, Premio El Barco de Vapor 2007, narra a historia de Calvina, unha nena ou un neno (non se sabe moi ben cal é a súa identidade), que captura a un ladrón, Lucrecio, ao que obriga a facer o papel do seu pai. Ambos os dous visitarán o manicomio, a biblioteca, o obradoiro de encadernación, a xastraría, a libraría, a farmacia, etc., e coñecerán a divertidas personaxes literarias.

A obra aborda o tema da identidade persoal, formulando ao/á lector/a preguntas e paradoxas. Destaca o dominio do diálogo e a combinación de elementos de terror gótico e de suspense sobrenatural e policial, cun toque de humor do autor. En fin, unha fermosa viaxe a través da palabra, a lectura, a fantasía e a imaxinación.