8/12/07

Corazón de tinta

Autora e ilustradora: Cornelia Funke
Tradutora: Rosa Pilar Blanco
Editorial: Siruela
Ano: 2004
Colección: Las tres edades
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/FUN/cor

Meggie ama a lectura, paixón herdada do seu pai, Lengua de Brujo, un restauradaor de libros, capaz de traer á realidade ás personaxes da ficción. Unha noita de chuvia, ambos reciben a visita de Dedo Polvoriento, un saltimbanqui "comelume" que lles advirte dun gran perigo. A partir dese momento terán que loitar, axudados por persoas reais e por personaxes literarias, en contra do malvado Capricornio e dos seus homes.

A autora comeza cada capítulo do libro con citas de obras clásicas infantís e xuvenís, que sempre están relacionadas co que sucede, incluíndo en todo o texto mencións a personaxes literarias. Resaltar que Meggie, a protagonista, non é perfecta, sendo capaz de desexar a morte doutras persoas e non se arrepentir por iso.

Descubre con esta novela o amor aos libros que sinten os seus protagonistas e dinos se queres que adquiramos a segunda parte da historia, xa publicada e titulada "Sangre de tinta", que leva a Meggie ata o fogar de Dedo Polvoriento

4/12/07

Calvina

Autor: Carlo Frabetti
Editorial: SM
Ano: 2007
Colección: El barco de vapor - Serie roja
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/FRA/cal

Este libro, Premio El Barco de Vapor 2007, narra a historia de Calvina, unha nena ou un neno (non se sabe moi ben cal é a súa identidade), que captura a un ladrón, Lucrecio, ao que obriga a facer o papel do seu pai. Ambos os dous visitarán o manicomio, a biblioteca, o obradoiro de encadernación, a xastraría, a libraría, a farmacia, etc., e coñecerán a divertidas personaxes literarias.

A obra aborda o tema da identidade persoal, formulando ao/á lector/a preguntas e paradoxas. Destaca o dominio do diálogo e a combinación de elementos de terror gótico e de suspense sobrenatural e policial, cun toque de humor do autor. En fin, unha fermosa viaxe a través da palabra, a lectura, a fantasía e a imaxinación.