12/5/09

Historias de fantasmas y misterio de la Antigüedad: Antología

Autores: Teresa Gail e outros
Editorial:
Tilde
Ano: 2002, 1ª edición
Colección: Cultura Clásica
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/his

Os textos presentes nesta escolma recollen un aspecto sorprendente e non suficientemente coñecido da Antigüidade: o gusto polo que de misterioso, aterrador e máxico hai no mundo. Así, aparecen seleccionadas e traducidas historias dos máis variados autores. Platón, Horacio, Propercio, Lucano, Petronio, Plinio, Apuleyo, Flegón, Luciano, Filóstrato, desfilan por estas páxinas abarcando case todo o arco temporal da Literatura Clásica e desvelando crenzas e fenómenos (pantasmas, casas encantadas, ritos máxicos, bruxas e feiticeiras...) que non por antigos perderon a súa actualidade.

Non só poderás ler algúns dos terroríficos contos que facían tremer de medo ás persoas hai unha chea de séculos, senón que neste libro tamén atoparás unha serie de variadas actividades (históricas, literarias, sobre a vida cotiá...) que che permitirán coñecer un pouco máis elementos relacionados coa Mitoloxía, a Relixión e a Cultura que, herdados ou non por nós, caracterizaron ao mundo antigo.

De ratones y hombres

Autor: John Steinbeck
Ilustrador: Tha

Tradutor: Francisco Torres Oliver
Editorial: Vicens Vives
Ano: 2006, 3ª edición, 2ª reimpresión
Colección: Aula de Literatura
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/STE/rat

Esta novela está ambientada en California durante a época da Gran Depresión. Neste contexto, a historia de dous traballadores temporeros que soñan en balde con adquirir unha pequena granxa, adquire un sentido transcendente. E é que o dramático fracaso das aspiracións de George e Lennie, personaxes unidos por estreitos lazos de amizade, non só evidencia a fraxilidade dos soños e o espellismo da "terra prometida" americana, senón que pon ao descuberto a amarga soidade en que unha sociedade insolidaria abandona aos desherdados.
A crueza da historia, co seu estremecedor desenlace, queda con todo adozada pola tenrura que destilan algúns personaxes e pola profunda humanidade con que o autor os trata.

Comedia bífida

Autor: Manuel Núñez Singala
Editorial: Galaxia
Ano: 2008, 2ª edición
Colección: Costa Oeste
Idioma: galego
Localización: 82T-g/NÚÑ/com

Este é un xuízo á lingua..., ou ao emprego que dela facemos os galegos. Cómpre que esteades mortos para participardes nesta farsa do xuízo final. Se non o estades, quizais poidades asistir a este encontro con algunhas das situacións que a diario vivimos en relación co galego. Dispoñédevos a rir, sorrir e pensar. Porque algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin San Pedro.

Farsa plautina

Autor: Agustín Magán
Editorial: Sotelo Blanco
Ano: 1993
Colección: A Biblioteca do Arlequín
Idioma: galego
Localización: 82T-g/MAG/far

Unha bonita comedia que ten o seu alicerce en seis obras de Plauto, fundindo os asuntos orixinais das mesmas nesta nova comedia.
O seu argumento consiste nun matrimonio que recibe a chegada do seu fillo Filócrates, o cal vén namorado de Selenia, moza que quere facer pasar por escrava na súa casa. Pero esta historia complicarase con outras, onde un Filócrates II (irmán xemelgo do primeiro) aparece namorado de Báquide, cortesá que, á súa vez, tamén entrará de escrava, por razóns moi distintas, na mesma casa que Selenia. Podedes imaxinar que líos hai entre estas dúas parellas?
A trama aínda se complica máis con Melánide (alcoviteira que por cartos é capaz de vender a calquera), co guerreiro fanfarrón Pirgopolinices, con Gurgullo (o parásito gallofeiro que só pensa en comer de balde), con Xúpiter (o deus que entende galego)... En que vos parece que acabará tanta mestura?

29/4/09

Finis Mundi

Autora: Laura Gallego García
Editorial: SM
Ano: 2008, 23ª edición
Colección: El barco de vapor - Serie roja
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/GAL/fin

Francia, ano 997 da nosa era. Michel, un monxe cluniacense, decide embarcarse nunha misión imposible. Segundo as revelacións do eremita Bernardo de Turingia, o fin do mundo está próximo e só hai un xeito de salvar á humanidade: invocar ao Espírito do Tempo. Pero antes é preciso recuperar os tres eixos sobre os que se sustenta a Roda do Tempo. Onde se atopan? Ninguén o sabe.

A autora acadou con esta obra o Premio El Barco de Vapor 1998.

Irmán do vento

Autor: Manuel Lourenzo González
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Ano: 2008, 7ª edición
Colección: Fóra de Xogo
Idioma: galego
Localización: 82N-g/LOU/irm

Irmán do vento, novela gañadora do Premio Merlín 2003, é a historia de Khaled, un rapaz dunha apartada aldea do Iraq que, coma outro rapaz calquera, ten unha familia, amigos, unha casa, unha vida, un amor e moitos proxectos. Ata que, de súpeto, estala a guerra. Trátase dunha crónica da destrución inexorable de todo canto Khaled é e de canto soña ser. Pero tamén é a narración emocionante da loita contra ese destino imposto e pola recuperación da dignidade e da esperanza.
Irmán do vento é, pois, unha novela de aventuras que, empregando dous narradores (un que introduce a acción e outro que é o protagonista), conta o que lle acontece a Khaled, un rapaz iraquí no medio da recente guerra. A acción transcorre, pois, en dous tempos; no primeiro un dos narradores dá conta de como o protagonista da historia entra na súa vida, e tempo despois se reencontra con el, para darlle a súa voz e relatar as condicións de vida do seu pobo en tempos de guerra.

A novela reflicte como a infancia, o sector máis inocente da sociedade, vive un conflicto bélico e sofre as súas consecuencias máis duras, sen ser consciente das causas nin das circunstancias nas que se desenvolve.

A esmorga

Autor: Eduardo Blanco Amor
Editorial: Galaxia
Ano: 2008, 3ª edición
Colección: Biblioteca Blanco Amor
Idioma: galego
Localización: 82N-g/BLA/esm

Innovadora e perturbadora, esta novela conta a itinerancia de tres personaxes marxinais (o Castizo, o Bocas e o Milhomes) polas rúas dunha Auria envolta na chuvia interminable. Vintecatro horas de narración veloz e inexorable, inzadas de tensión transgresora e absorbente. Unha viaxe á heterodoxia.

28/4/09

¡Dejadme en paz!

Autora: Elisabeth Zöller
Tradutora:Verónica González Gutiérrez
Editorial:
Pearson Educación
Ano: 2007
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/ZÖL/dej

Niko ten medo todos os días. Cando vai ao colexio, Matthias, Kevin e Raphael estano esperando; péganlle, danlle patadas e chantaxéano. Os abusos son cada vez máis frecuentes e máis brutais ata que Niko non ve outra solución e concibe un plan. Dalgún xeito ten que conseguir facerse cun arma...

A violencia nos colexios de Alemaña, e do resto de Europa incluíndo España, por desgraza non son casos illados. Con todo, as vítimas calan e os demais apartan a vista por medo a ser as seguintes. A autora describe como Niko, na súa desesperación, pasa de ser vítima a ser culpable. Unha comprometida alegación en contra da violencia e do feito de mirar para outro lado.

Los escarabajos vuelan al atardecer

Autora: María Gripe
Tradutora: Marta Ruiz Corbella
Editorial: SM
Ano: 2008, 50ª edición
Colección: Gran angular
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/GRI/esc

Dous mozos e unha moza coidan as plantas dunha vila deshabitada e deciden explorala. Cada exploración termina cun enigma: na propiedade hai unha planta que parece captar as palabras e os sentimentos, un teléfono polo que unha voz xoga ao xadrez cos rapaces, un estraño escaravello e un paquete de cartas. As cartas, do século XVIII, narran a historia de amor entre Emile e Andreas, que termina traxicamente polo maleficio dunha estatua exipcia. Unha apaixonante novela de intriga e misterio que atrapa ao lector desde a primeira páxina.

Acompaña a estes tres improvisados detectives nunha apaixonante novela de intriga e misterio que te atrapará dende a primeira páxina.

27/4/09

O bosque animado

Autor: Wenceslao Fernández Flórez
Ilustradora: Maife Quesada
Tradutora: Xela Arias
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Ano: 2003, 5ª edición
Colección: Xabarín
Idioma: galego
Localización: 82N-g/FER/bos

Trasladámonos ao corazón de Galicia, coa súa maxia, o seu humor e as súas xentes. Entrar neste bosque é pasear a través dun mundo poboado por fantásticos seres reais, no que atopar calquera ánima é algo do máis común. A bruma xa está a levantar. Sinte o frescor do orballo, aspira o recendo dos piñeiros... Hoxe pode ser un día estupendo para coñecer algún aparecido.

O autor galego escribe a historia da fraga de Cecebre cunha orixinal estrutura en estancias. Unha historia construída con dualismos: o humor e a amargura; o localismo realista e o soño poético; a cronoloxía lineal e a subxectividade temporal... Cun humor elevado ata o límite do absurdo e o lirismo fantástico, o autor reflicte con mestría a maxia da paisaxe e as xentes de Galicia. Como galego, capta esta característica mestura entre relixión, superstición e animismo e engádelle unha boa dose de tenrura. Unha linguaxe chega de musicalidade e cor, alimenta a maxia.

De todo corazón: 111 poemas de amor

Seleccionador: José María Plaza
Ilustradora: Ágata Ruiz de la Prada
Editorial: SM
Ano: 2007, 18ª edición
Colección: El barco de vapor - Serie roja
Idioma: castelán
Localización: 82P-c/PLA/tod

De todo corazón é unha escolma de poemas de amor que está dividida en tres partes: a primeira abarca case todo o século XIX, co Romanticismo e o Modernismo como tendencias dominantes; a segunda esténdese dende os últimos anos do século XX ata a década de 1940; e a terceira comprende o último medio século.

O mesmo compilador revela a súa intención ao reunir estes 111 poemas de amor:
“Con este libro […] me gustaría que descubrieras autores con los que puedas sintonizar de una forma especial; que una vez conectado a la poesía, prosigas con obras más complejas, llenas de oscuros fuegos que no deslumbran de forma tan inmediata, pero cuyos rayos llegan más lejos y permanecen durante largo tiempo, a veces, toda una vida; que estos poemas —pretendo— te reconforten o iluminen, aunque sea un poco, en ese mundo confuso de los sentimientos, donde todos somos siempre aprendices; y, sobre todo, que te sean útiles”.

Muerte de tinta

Autora e ilustradora: Cornelia Funke
Tradutora: Rosa Pilar Blanco
Editorial: Siruela
Ano: 2008
Colección: Las tres edades
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/FUN/mue

No fulminante final desta triloxía sobre o Mundo de Tinta, hai sombras negras en Umbra... Pasaron soamente unhas cantas semanas dende que as Mulleres Brancas levaron a Dedo Polvoriento con elas. Meggie e os seus pais viven nunha leira abandonada e pacífica que case lles fai esquecer os pesadelos que sufriron no Castelo de Noite, aínda que cando escurece e Meggie mira impaciente pola fiestra agardando a Farid, escoita o berro dunha gralla... Entón, o seu pai desaparece no bosque...

Tras o éxito que Muerte de tinta e Sangre de tinta tiveron entre os nosos lectores, decidimos adquirir a terceira e derradeira parte desta historia na que a lectura representa unha parte esencial na vida dos seus protagonistas.

19/4/09

Ollos de auga

Autor: Domingo Villar
Editorial: Galaxia
Ano: 2008, 5ª edición
Colección: Literaria
Idioma: galego
Localización: 82N-g/VIL/oll

Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.