12/5/09

Historias de fantasmas y misterio de la Antigüedad: Antología

Autores: Teresa Gail e outros
Editorial:
Tilde
Ano: 2002, 1ª edición
Colección: Cultura Clásica
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/his

Os textos presentes nesta escolma recollen un aspecto sorprendente e non suficientemente coñecido da Antigüidade: o gusto polo que de misterioso, aterrador e máxico hai no mundo. Así, aparecen seleccionadas e traducidas historias dos máis variados autores. Platón, Horacio, Propercio, Lucano, Petronio, Plinio, Apuleyo, Flegón, Luciano, Filóstrato, desfilan por estas páxinas abarcando case todo o arco temporal da Literatura Clásica e desvelando crenzas e fenómenos (pantasmas, casas encantadas, ritos máxicos, bruxas e feiticeiras...) que non por antigos perderon a súa actualidade.

Non só poderás ler algúns dos terroríficos contos que facían tremer de medo ás persoas hai unha chea de séculos, senón que neste libro tamén atoparás unha serie de variadas actividades (históricas, literarias, sobre a vida cotiá...) que che permitirán coñecer un pouco máis elementos relacionados coa Mitoloxía, a Relixión e a Cultura que, herdados ou non por nós, caracterizaron ao mundo antigo.

De ratones y hombres

Autor: John Steinbeck
Ilustrador: Tha

Tradutor: Francisco Torres Oliver
Editorial: Vicens Vives
Ano: 2006, 3ª edición, 2ª reimpresión
Colección: Aula de Literatura
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/STE/rat

Esta novela está ambientada en California durante a época da Gran Depresión. Neste contexto, a historia de dous traballadores temporeros que soñan en balde con adquirir unha pequena granxa, adquire un sentido transcendente. E é que o dramático fracaso das aspiracións de George e Lennie, personaxes unidos por estreitos lazos de amizade, non só evidencia a fraxilidade dos soños e o espellismo da "terra prometida" americana, senón que pon ao descuberto a amarga soidade en que unha sociedade insolidaria abandona aos desherdados.
A crueza da historia, co seu estremecedor desenlace, queda con todo adozada pola tenrura que destilan algúns personaxes e pola profunda humanidade con que o autor os trata.

Comedia bífida

Autor: Manuel Núñez Singala
Editorial: Galaxia
Ano: 2008, 2ª edición
Colección: Costa Oeste
Idioma: galego
Localización: 82T-g/NÚÑ/com

Este é un xuízo á lingua..., ou ao emprego que dela facemos os galegos. Cómpre que esteades mortos para participardes nesta farsa do xuízo final. Se non o estades, quizais poidades asistir a este encontro con algunhas das situacións que a diario vivimos en relación co galego. Dispoñédevos a rir, sorrir e pensar. Porque algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin San Pedro.

Farsa plautina

Autor: Agustín Magán
Editorial: Sotelo Blanco
Ano: 1993
Colección: A Biblioteca do Arlequín
Idioma: galego
Localización: 82T-g/MAG/far

Unha bonita comedia que ten o seu alicerce en seis obras de Plauto, fundindo os asuntos orixinais das mesmas nesta nova comedia.
O seu argumento consiste nun matrimonio que recibe a chegada do seu fillo Filócrates, o cal vén namorado de Selenia, moza que quere facer pasar por escrava na súa casa. Pero esta historia complicarase con outras, onde un Filócrates II (irmán xemelgo do primeiro) aparece namorado de Báquide, cortesá que, á súa vez, tamén entrará de escrava, por razóns moi distintas, na mesma casa que Selenia. Podedes imaxinar que líos hai entre estas dúas parellas?
A trama aínda se complica máis con Melánide (alcoviteira que por cartos é capaz de vender a calquera), co guerreiro fanfarrón Pirgopolinices, con Gurgullo (o parásito gallofeiro que só pensa en comer de balde), con Xúpiter (o deus que entende galego)... En que vos parece que acabará tanta mestura?