Autor: Manuel Lourenzo GonzálezEditorial: Edicións Xerais de GaliciaAno: 2008, 7ª ediciónColección: Fóra de XogoIdioma: galegoLocalización: 82N-g/LOU/irmIrmán do vento, novela gañadora do Premio Merlín 2003, é a historia de Khaled, un rapaz dunha apartada aldea do Iraq que, coma outro rapaz calquera, ten unha familia, amigos, unha casa, unha vida, un amor e moitos proxectos. Ata que, de súpeto, estala a guerra. Trátase dunha crónica da destrución inexorable de todo canto Khaled é e de canto soña ser. Pero tamén é a narración emocionante da loita contra ese destino imposto e pola recuperación da dignidade e da esperanza.
Irmán do vento é, pois, unha novela de aventuras que, empregando dous narradores (un que introduce a acción e outro que é o protagonista), conta o que lle acontece a Khaled, un rapaz iraquí no medio da recente guerra. A acción transcorre, pois, en dous tempos; no primeiro un dos narradores dá conta de como o protagonista da historia entra na súa vida, e tempo despois se reencontra con el, para darlle a súa voz e relatar as condicións de vida do seu pobo en tempos de guerra.
A novela reflicte como a infancia, o sector máis inocente da sociedade, vive un conflicto bélico e sofre as súas consecuencias máis duras, sen ser consciente das causas nin das circunstancias nas que se desenvolve.