30/6/08

El niño con el pijama de rayas

Autor: John Boyne
Tradutora: Gemma Rovira Ortega
Editorial: Salamandra
Ano: 2008, 16ª edición
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/BOY/niñ

Cremos que é importante empezar esta novela sen saber de que trata. No entanto, se te decides embarcar na aventura, debes saber que acompañarás a Bruno, un neno de nove anos, cando se muda coa súa familia a unha casa xunto a unha cerca. Cercas como esa existen en moitos sitios do mundo, pero desexamos que non te atopes nunca cunha delas.

Cartas de amor

Autor: Fran Alonso
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Ano: 2007, 3ª edición
Colección: Fóra de Xogo
Idioma: galego
Localización: 82N-g/ALO/car

As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas xon a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración…E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais –persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.

21/4/08

Los seis signos de la luz

Autora: Susan Cooper
Tradutora: Silvia Alemany Vilalta
Editorial: Destino
Ano: 2007, 1ª edición
Colección: La isla del tiempo
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/COO/sei

Achégase o Nadal e tamén o día do undécimo aniversario de Will. Como agasallo recibe unha noticia moi especial: é o último dos Ancestrais, persoas dotadas de poderes especiais que durante séculos loitaron para impedir que o Mal triunfase na Terra. El tamén ten ese poder, pero antes de se enfrontar ás Tebras terá que descubrir os seis signos da Luz, xa que só así creará unha forza capaz de contrarrestalas e vencelas.

11/2/08

Los hijos de Húrin

Autor: J.R.R. Tolkien
Ilustrador: Alan Lee
Tradutora: Estela Gutiérrez
Editorial: Minotauro
Ano: 2007, 1ª edición, 3ª impresión
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/TOL/hij

Los hijos de Húrin é un dos grandes relatos que fundamentan a historia da Terra Media e sitúase na Primeira Idade, cando elfos, homes e ananos levaban uns poucos séculos sobre a terra. Xunto cos amores de Beren e Lúthien, é a historia máis mencionada en El Señor de los Anillos e en El Silmarillion como referente do heroísmo e a traxedia na loita contra o Mal, na Primeira Idade encarnado na figura de Morgoth. Unha historia tráxica de amores imposibles, paixóns incomprendidas e guerras sen cuartel entre a Luz e a Escuridade. Homes, elfos, ananos, orcos e dragóns loitan polo dominio da Terra Media.

12/1/08

La casa de Bernarda Alba

Autor: Federico García Lorca
Editorial: Espasa Calpe
Ano: 2007, 43ª edición
Colección: Austral Teatro
Idioma: castelán
Localización: 82T-c/GAR/cas

A obra sitúase nunha pequena aldea do sur de España durante os anos 30.

Tras a morte do segundo esposo de Dona Bernarda Alba, esta obriga ás súas cinco fillas a vivir clausuradas por 8 anos velando o loito do defunto. Durante esta época, as fillas non poderán facer outra cousa máis que coser e coser. Segundo Bernarda (a quen só lle importa a honra e a linaxe da súa familia), isto é o máis axeitado para as mulleres da súa clase.

Todas as fillas de Bernarda están namoradas de Pepe o Romano, un mozo ben parecido do pobo. Angustias, a filla maior e a máis fea de todas, está comprometida con Pepe o Romano, todo grazas á herdanza de diñeiro e terras que esta recibiu do seu pai (o primeiro marido de Bernarda). Adela, a máis nova da irmás é quen comeza a verse con Pepe o Romano, rompendo así coa autoridade da súa nai.

Os celos e os desexos reprimidos de todas as irmás terán terribles consecuencias que levarán a un final tráxico, o que quizais sexa a única solución á represión de Bernarda.

Historia de una escalera

Autor: Antonio Buero Vallejo
Editorial: Espasa Calpe
Ano: 2006, 51ª edición
Colección: Austral Teatro
Idioma: castelán
Localización: 82T-c/BUE/his

Historia de una escalera é unha obra teatral, dividida en tres actos, onde se analiza a sociedade española con todas as súas inxustizas, mentiras e violencias.

No acto primeiro preséntase aos personaxes, coas súas características e limitacións, poñendo de manifesto os evidentes problemas económicos da veciñanza, agás Don Manuel. Para terminar con este primeiro acto, Fernando expresa o seu amor a Carmina, facendo plans de futuro para ambos os dous.

O segundo acto transcorre tras 10 anos, nos que cambiaron moito as cousas no edificio da escaleira. Varias persoas xa faleceron e as parellas casaron (aínda que non cos seus antigos noivos), formando outras familias. Debido a estes novos emparellamentos o ambiente entre a xente empeorou. Sen embargo, Rosa e Pepe seguen de noivos, a pesar do mal que este trata a Rosa e de que o señor Juan non se fale coa súa filla polos rancores do pasado.

O terceiro acto continúa logo de 20 anos, nos que pasaron moitas cousas, ademais do lóxico envellecemento das persoas e do falecemento dalgunha delas. Aparecen novos veciños que se queixan dos antigos inquilinos, así como os donos do edificio, que os menosprezan pola súa categoría social. O edificio da escaleira tamén cambiou de aspecto, debido ás reformas realizadas. As parellas tiveron descendencia e agora repítese de novo a historia dos pais, xa que o fillo de Fernando ama á filla de Carmina, o cal ocasiona que saian outra vez á superficie os vellos rancores.

El perfume

Autor: Patrick Süskind
Tradutora: Pilar Giralt Gorina
Editorial: Seix Barral
Ano: 2006, 1ª edición, 4ª impresión
Colección: Booket - Bestseller Internacional
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/SÜS/per

Jean Baptiste Grenouille, nacido en París no século XVIII, é un individuo maldito, un monstro, quinto fillo dunha muller á que decapitaron, acusada do asasinato dos seus catro fillos maiores. Grenouille sálvase de puro milagre, pero o destino que lle agarda estará marcado polo crime, xa que o homicidio vai ser a súa vocación.

Tras pasar a súa infancia por diferentes orfanatos, desenvolve un extraordinario sentido do olfacto, sendo capaz de distinguir calquera efluvio, mesmo a través das paredes. Isto faille conseguir un traballo de axudante de perfumista, onde pode dar renda ao seu máximo soño: mesturar olores.

Tras varios anos recluído en soidade, descobre que carece de recendo persoal e a súa viaxe na procura da fragrancia perfecta faralle obsesionarse por conseguir materialmente a esencia dunha fermosa dama.

Cuentos de la selva

Autor: Horacio Quiroga
Ilustrador: Enrique Flores
Editorial: Anaya
Ano: 2007, 1ª edición, 7ª impresión
Colección: Tus libros selección
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/QUI/cue

A selva é o escenario e personaxe omnipresente destes contos. A selva tropical, coa súa violencia natural, fronte ao home, aliado ás veces, destrutor as máis, desa natureza salvaxe. E no medio, a fauna: dende a xigantesca serpe que declara a guerra ao home, ata o indefenso cachorro morto sen querer pola man do seu propio amo.

Este volume recolle os oito Contos da Selva propiamente ditos, titulados: La tortuga gigante, Las medidas de los flamencos, El loro pelado, La guerra de los yacarés, La gama ciega, Historia de dos cachorros de coatí y de dos cachorros de hombre, El paso de Yabeberí e La abeja haragana. Pero, ademais, ofrece unha selección doutros sete relatos de idéntica ambientación.


Humor e traxedia combínanse eficazmente nestas historias, dando como resultado exemplos antolóxicos desa difícil arte que é o conto, no que Quiroga se revelou como un auténtico mestre.

Mi familia

Autor: Daniel Nesquens
Ilustradora: Elisa Arguilé
Editorial: Anaya
Ano: 2006, 1ª edición
Idioma: castelán
Localización: 82N-c/NES/fam

Este libro semella unha galería de retratos de cada un dos membros dunha familia: pai, nai, irmá, irmán, avoa, avó, tíos e tías, curmás e curmáns.

Coñece a vida cotiá destes personaxes, coas súas debilidades, obsesións, intereses, pensamentos e situacións a miúdo surrealistas. Segundo palabras do autor: "Os Nesquens somos unha xente dos máis corrente, E se non o cren, xulguen vostedes mesmos".

Un retrato ilustrado acompaña a cada un dos personaxes.